Os inmigrantes residentes na Pobra disporán dun servizo de asesoramento xurídico

A POBRA> O concello da Pobra pon a disposición da cidadanía un servizo de asesoramento xurídico en estranxeiría e asilo. Estará operativo o último martes de cada mes nas dependencias de Servizos Sociais.

O novo servizo que comezará a funcionar o 22 de febreiro vai dirixido especialmente a cidadáns que precisen asesoramento xurídico especializado en materia de estranxeiría e asilo. O concello decidiu poñelo en marcha tras detectar un aumento de poboación inmigrante na Pobra que acudía ó departamento de Servizos Socias para a resolución de trámites.

A ONG ‘Sen Valos’ será a encargada de prestar o servizo que non se limita unicamente a unha xornada mensual de atención presencial senón que consistirá tamén na preparación de recursos, trámites ou mesmo acompañamento ás oficinas de estranxeiría.

Os interesados en recibir asesoramento poden chamar a Servizos Sociais para obter cita previa. Aínda que inicialmente o servizo se prestará o último martes de cada mes, será posible amplialo a outros horarios en función das necesidades dos demandantes.