POIO> Unha muller tivo que ser atendida no Hospital Quirón Salud Miguel Domínguez de Pontevedra tras sufrir un violento roubo no Concello de Poio. Os feitos producíronse o pasado día 22 na Caeira. Unha veciña estaba a piques de entrar no seu vehículo cando un home colleuna polas costas e, cun instrumento punzante na man, empuxouna contra o chan. A vítima sufriu graves lesións nos brazos e nas pernas e a día de hoxe ten dificultades para camiñar. O ladrón aínda non foi identificado pola Garda Civil.
Esta veciña da Caeira sufriu hai uns días un roubo con violencia nas inmediacións da súa vivenda. Todo ocorreu o pasado día 22 arredor dás 22:00 horas nesta rúa. Elisa dispoñíase a entrar no seu vehículo cando un home agarrouna polas costas, empuxouna contra o chan e rouboulle o bolso.
Tras este incidente, a muller tivo que ser atendida no Hospital Quirón Salud Miguel Domínguez de Pontevedra polas graves lesións que recibiu na perna e no brazo.
A vítima incide en que esta é unha zona segura. Pero o certo é que o aumento de toxicómanos nos últimos anos obrigou aos veciños a extremar as medidas de seguridade. De feito, na Caeira e en Portosanto rexistráronse ultimamente numerosos altercados.
A Garda Civil tivo coñecemento do acontecido e trata agora de localizar ao ladrón. Pero ante este incidente, os veciños volveron a denunciar a falta de Policía Local na zona e, en especial, pola noite.