O concello detecta melloras no tráfico co peche de Raíña Vitoria, que fará permanente

PONTEVEDRA> O polémico peche ao tráfico da avenida Raíña Vitoria de Pontevedra será definitivo. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de mobilidade. Segundo Demetrio Gómez, un informe da Policía Local apunta que a medida supuxo a retirada de máis de 5.000 vehículos ao día do centro da cidade. Unhas cifras que levan ao goberno local a concluír que o tráfico en Pontevedra funciona mellor con Raíña Vitoria pechada aos coches.

Os coches non volverán circular pola avenida Raíña Vitoria. O concello de Pontevedra traballa nun novo bando para facer definitiva a medida. E é que o concelleiro de mobilidade asegurou hoxe que a decisión mellorou a circulación na cidade.

Gómez presentou hoxe os datos do informe da Policía Local que avala a medida. Asegura que o tráfico se reduciu na ponte da Barca, na praza de Galicia, en Augusto García Sánchez e en Eduardo Pondal, tanto cara Uxío Novoneyra como cara a praza de Galicia.

Pola contra, o tráfico aumentou en Alcalde Hevia, Manuel del Palacio e ata máis dun 500% en Palamios. En total uns 5.000 vehículos ao día. Así as cousas, o concelleiro defendeu que o tráfico é agora máis fluído.

Segundo os cálculos, o peche ao tráfico de Raíña Vitoria retirou do centro de Pontevedra uns 5.400 vehículos ao día.

Gómez asegurou tamén que estas accións van n aliña das propostas do Cumio do Planeta sobre o Clima que se está a celebrar en Glasgow. Agora a intención do concello é retomar o proxecto do skatepark para Raíña Vitoria.

O anuncio foi criticado xa dende o Partido Popular. O seu voceiro cre que a medida non conta co apoio da maioría dos veciños de Pontevedra e pediu ao alcalde que recapacite.