Hostaleiros de Noia reclaman un plan de axudas a longo prazo

NOIA> Os hostaleiros da Noia mobilízanse en contra do peche total do sector que supón a ruína para moitos establecementos. A pasada tarde concentráronse na alameda demandando un plan de axudas a longo prazo.

Preto de trescentas persoas acudiron á chamada de Noia Histórica, en colaboración coa asociación de hostalería de Compostela e Noia en Marcha,  que a pasada tarde convocaron unha concentración, ás portas da casa consistorial en defensa da hostalería. O anuncio do peche total durante tres semanas como mínimo non fixo máis que tensar os ánimos entre os empresarios do sector que levan semanas xa traballando con horario reducido e servizo só en terraza e meses acumulando perdas.

Piden que se lles deixe traballar en condicións que garantan a rendibilidade do negocio. E no caso de non ser así, reclaman un plan de axudas directas a longo prazo para reactivar un dos sectores máis afectados durante a pandemia.

A incerteza é tal que as entidades calculan que un vinte por cento dos negocios que esta medianoite botarán o peche xa non volverán a abrir.