Preocupación en Ribeira polo incremento dos roubos

RIBEIRA> Veciños e comerciantes mostraron as súas queixas ante o crecente número de roubos rexistrados nas últimas semanas. O último producíase nunha tenda de móbiles, situada na rúa Rosalía de Castro, en pleno centro da cidade.

En pleno centro da cidade e de madrugada. Foi un veciño o que alertou ás forzas da orde despois de escoitar ruídos extraños na rúa. Os amigos do alleo romperon os cristais dos dous escaparates da tenda, aproveitándose dunha lousa de pedra que colleron nunha obra das inmediacións. Non soou a alarma. En pouco tempo fixéronse con todo o que había no expositor: teléfonos móbiles, tablets, pulseras dixitais, altavoces e outros materiais. Á espera de facer inventario, o botín substraído rondar os cinco mil euros, sumando tamén os danos causados tanto no mobiliario coma no resto de produtos que se atopaban no escaparate e que quedaron inservibles para a súa venda.

Nos últimos meses, véñense rexistrando cada vez máis casos de roubos en locais comerciais polo que existe preocupación, non só entre o sector, senón tamén entre a propia veciñanza que reclama maiores medidas de seguridade.

A Policía traballa na investigación para dar cos autores dos feitos. Todo parece indicar que se trata de delincuentes habituais ós que as forzas de seguridade xa lles segue a pista dende hai tempo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí