Jealsa e Cruz Vermella renovan a súa colaboración cunha nova edición do Ludieduca

BOIRO> Jealsa e Cruz Vermella renovaron o seu convenio de colaboración para seguir a desenvolver o programa Ludieduca cos centros educativos. Xa hai máis dunha década que se implantou este proxecto en colexios de Boiro e A Pobra para promover a educación en valores.

Hai once anos nacía o programa Ludieduca da man de Cruz Vermella e Jealsa. A iniciativa que foi medrando ano a ano coa incorporación de novos centros ten por obxectivo a educación en valores do alumnado de Primaria.

Nesta edición están a participar uns 200 alumnos de terceiro de primaria dun total de 8 centros educativos de Boiro e da Pobra cunha sesión mensual na que se imparten contidos transversais no eido social e medioambiental que complementan o programa lectivo.

A principal novidade deste ano é a incorporación dunha nova temática relacionada co uso e abuso das novas tecnoloxía. A clausura do programa terá lugar o 19 de xuño cunha gran festa no Pazo de Goiáns.