RIBEIRA> Nace en Ribeira ‘Mar de AMICOS’ un pioneiro proxecto para promover o turismo mariñeiro accesible e favorecer á incorporación ó mercado laboral das persoas con discapacidade. Foi presentado esta mañá na lonxa de Ribeira da man das tres entidades organizadoras, a asociación AMICOS, Fundamar e a Xunta de Galicia.
Fomentar a empregabilidade de persoas con discapacidade a través da promoción do turismo accesible en torno ó patrimonio marítimo pesqueiro de Galicia. Este é o obxectivo que busca Mar de AMICOS, un proxecto piloto presentado esta mañá na lonxa de Ribeira impulsado pola asociación AMICOS, Fundamar e a rede Eusumo da Xunta de Galicia.
Nesta xornada de presentación, á que asistiron numerosos axentes relacionados co turismo e co patrimonio mariñeiro, déronse a coñecer as principais liñas de actuación que se poñerán en marcha coas que posteriormente se elaborará unha guía de boas prácticas para o desenvolvemento dun proxecto a longo prazo.
Aínda que o proxecto piloto centrarase na lonxa de Ribeira para convertela nun espazo visitable e accesible para todo tipo de turistas, o obxectivo é ir sumando a colaboración de entidades e empresas que aposten polo turismo inclusivo a través da colaboración público-privada.











