Aumentan as mulleres vítimas da violencia machista en Pontevedra

PONTEVEDRA> O Centro de Información á Muller de Pontevedra está saturado. O servizo detectou un incremento moi importante do número de mulleres que acoden a el para pedir información ou denunciar que foron vítimas da violencia machista. A súa directora alertaba hoxe das mensaxes que se están a lanzar sobre estes casos, e reclamaba cambios na xustiza.

Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Para avanzar na concienciación contra esta lacra social, o concello de Pontevedra enche o mes de novembro de actividades. O 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller conmemorarase do 11 ao 25 deste mes, con campañas informativas, exposicións e novas accións para poñer o foco sobre esta problemática.

Pontevedra conmemorará o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller durante boa parte do mes de novembro. A programación arrincará o día 11 coa campaña “Percorrido á liberdade. Como saír das violencias machistas”, que busca informar ás vítimas sobre as ferramentas que teñen ao seu alcance.

Outra das accións principais é a que se celebrará no marco da campaña “Pontevedra en negro”. Un ano máis o concello súmase a esta iniciativa, na que pretenden incluír a comerciantes e hostaleiros da cidade.

Na programación destaca tamén a exposición “Desmontando o amor romántico”. Trátase dunha mostra itinerante composta por pezas de fotógrafas galegas que denuncian estampas propias do amor romántico.

A proposta do concello complétase con dúas accións no Teatro Principal. Unha será o día 14, cun monólogo sobre igualdade a cargo de Baia Fernández e a entrega dos premios Ernestina Otero. A outra será a representación da obra As pementeiras o 23 de novembro. Ademais, o concello prepara a estrea dunha peza audiovisual dirixida aos adolescentes sobre as violacións durante as citas amorosas, o despregamento dunha pancarta contra as violencias machistas na casa consistorial o día19, e un acto central o propio día 25 de novembro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí