Máis de 20 curtas galegas compiten na sección oficial do V Festival Curtas Armadiña

POIO> A quinta edición do festival de curtas Armadiña será o máis galego de toda a súa historia. A cita cambia de filosofía este ano, apostando de xeito decidido polo audiovisual feito en Galicia. Neste 2019, concorren na sección oficial 21 curtas e dez videoclips.

O audiovisual galego será o verdadeiro protagonista do festival de curtas Armadiña deste ano. A cita muda de filosofía nesta edición, apostando de xeito decidido polas pezas autóctonas.

Con este cambio tamén se reduciron o número de traballos presentados, pero non a súa calidade. Finalmente, das máis de sesenta pezas recibidas son 21 curtas as que se proxectarán na sección oficial e na de animación. Na que busca o mellor videoclip, poderanse ver unha decena de candidatas.

Este non é o único cambio da edición deste ano. As proxeccións faranse todas no fogar Armadiña de Combarro. Pola súa banda, a gala final será o domingo 17 ás 7 da tarde no centro cultural Xaime Illa.

A programación inclúe tamén tres obradoiros, que se celebrarán os días 11, 12 e 13 de novembro sobre produción, o son e a interpretación, respectivamente, dirixidos por profesionais dos diferentes eidos. Os prazos de inscrición aínda están abertos. Pola súa banda, o programa do día 14 dirixirase aos máis cativos, cunha andaina, unha sesión de contacontos e a proxección do documental Idénticas. Xa o domingo, celebrarase unha sesión vermú e un coloquio con membros da Asociación de Profesionais da Dirección e Realización de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí