O cartel da Cidade Europea, da rotonda de Vilariño ao Museo do Viño para evitar unha sanción

CAMBADOS> En Cambados, o cartel da Cidade Europea do Viño instalado dende o 2017 na rotonda de Vilariño será trasladado ó Museo do Viño. O goberno local opta por retiralo do seu emprazamento orixinal polo elevado custo que suporía legalizalo. A Xunta ameaza cunha sanción por non cumpri-la distancia de seguridade coa estrada.

Foi a imaxe máis icónica do nomeamento de Cambados como Cidade Europea do Viño. Dende o 2017 está instalado na rotonda de Vilariño, pero agora este gran cartel vai ser retirado.

O goberno local desiste e finalmente non o vai retranquear, tal como lle esixe a Xunta. A instalación non garda a distancia esixida coa estrada. Adaptalo á normativa sería custoso e cun resutlado estético, din no Concello, cuestionable. Ademais taparía a fonte que preside a rotonda.

Así que o cartel vai ser trasladado. Con total probabilidade será instalado nalgún dos espazos dispoñibles no Museo do Viño.

Dentro do Museo do Viño, estanse a valorar dúas localizacións. No Concello recoñecen que moitos visitantes quedarán sen velo, pero lembran que a celebración tivo lugar hai xa dous anos.

As présas por instalalo son para Lago os motivos da súa instalación irregular na rotonda. Agora, o traslado terá un custo de 5.000 euros. Todo, por evitar a sanción da Xunta por non cumprir coa normativa. O cambio levarase a cabo en canto se dispoña dos permisos pertinentes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí