Aulas baleiras pola crise do coronavirus

POIO> Tras a decisión da Xunta de Galicia de suspender as clases en toda a comunidade, nos centros educativos da nosa contorna as aulas permaneceron hoxe completamente baleiras. Un exemplo é o CEIP Viñas de Poio.

Esta foi a imaxe máis repetida esta mañá nos centros educativos de Galicia: aulas completamente baleiras. Porque aínda que as portas estaban abertas, os pais decidiron atender ás recomendacións sanitarias.

Tras a decisión da Xunta de Galicia de suspender as clases, a administración autonómica estableceu que a titorización e a atención do alumnado debía facerse, a partir da vindeira semana, a través dos medios telemáticos. Unha medida coa que non están de acordo neste centro de Poio.

Pero se por algo estivo marcada esta xornada foi polo malestar do profesorado despois de que a Xunta, a pesar de suspender as clases, lles obrigase a acudir ao traballo. Finalmente, a administración autonómica publicou esta mesma tarde novas directrices. A partir do luns serán os directores os que decidan se os docentes deben acudir ou non aos centros.

Co obxectivo de que o coronavirus afecte o menos posible aos estudantes, o profesorado deste centro está preparando xa novas actividades para que o alumnado continúe cos seus estudos nos seus domicilios. Unhas propostas que serán publicadas nas súas redes sociais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí