A D.O. Rías Baixas preocupada por uns aranceis ‘inxustos e arbitrarios’ en EEUU

PONTEVEDRA> A Denominación de Orixe Rías Baixas mira con preocupación a imposición de aranceis aos seus viños en Estados Unidos. O Consello Regulador ve a medida como inxusta, selectiva e desproporcionada, xa que grava as exportacións de albariño con taxas do 25%. Máis aínda cando o estadounidense é o principal mercado exterior da DO.

Dende o 18 de outubro, os viños de Rías Baixas que chegan aos Estados Unidos xa están afectados pola política arancelaria do goberno de Donald Trump. A súa guerra comercial coa Unión Europea levouno a impoñer unha taxa dun 25% ás exportacións de diferentes caldos, entre eles moitos dos albariños da Denominación de Orixe.

A intención é que esta suba repercuta o mínimo posible no consumidor. Por iso, o sector importador estadounidense están a buscar medidas para evitalo.

Aínda que o Consello Regulador recoñece que a situación se mira con preocupación, tamén aseguran que non renunciarán ao mercado de Estados Unidos, que na actualidade é o principal mercado exterior da DO: na campaña 2018-2019 exportáronse 2,3 millóns de litros; case o 30% do total das súas vendas internacionais.

Dende a Denominación de Orixe si que reclaman ao goberno estatal e ás autoridades europeas que busquen negociar para poñer fin a esta situación. Neste camiño contan co apoio da Xunta de Galicia, que confía en que o alto valor engadido dos Rías Baixas axude a minimizar o impacto.

O segundo mercado na exportación de Rías Baixas é Reino Unido, que tampouco está a atravesar o mellor momento político. A pesares da ameaza do Brexit a partires do 31 de xaneiro, Consello Regulador e Xunta confían en que a Unión Europea sexa quen de negociar o mantemento da liberdade comercial actual.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí