A Deputación de Pontevedra e a UVigo poñen en marcha o programa “Inspira Steam”

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo únense para levar a cabo o proxecto “Inspira Steam”. Unha iniciativa coa que se pretende fomentar a vocación nas carreiras tecnolóxicas entre as rapazas pontevedresas. Un programa que xa se está a levar a cabo en comunidades como Madrid, Cataluña ou Asturias.

Fomentar as vocacións científicas entre as rapazas pontevedresas. Ese é o obxectivo de “Inspira Steam”. Un proxecto que levarán a cabo conxuntamente a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo durante este curso escolar. O programa consiste en que mulleres que están traballando xa no eido das carreiras tecnolóxicas tutoricen a diferentes mozas da provincia para motivarlles a escoller este tipo de titulacións.

As carreiras científicas e tecnolóxicas son sen dúbida o futuro da nosa sociedade. Aínda así, en titulacións como Arquitectura, Informática ou Física, a presenza de mulleres non supera o 25% das matriculacións. De feito, na carreira de Telecomunicacións a porcentaxe é do 8%.

O programa “Inspira Steam” naceu no ano 2018 e xa foi levado a cabo en comunidades como Madrid, Cataluña ou Asturias. Agora, dende a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo traballarán arreo para que as rapazas da nosa provincia poidan ter todos os instrumentos ao seu alcance para optar a este tipo de carreiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí