PONTEVEDRA> O 27 de xaneiro volve a Pontevedra Noites Abertas. O programa cumpre xa 24 anos, ofrecendo alternativas de ocio nas fins de semana para a mocidade. Serán máis de 70 actividades para persoas de entre 12 e 30 anos. Moitas das propostas repiten pero tamén se incorporan novidades. Entre elas, un scape room no convento de Santa Clara.
Volve un dos programas máis populares do concello de Pontevedra. Entre o 27 de xaneiro e o 4 de abril as actividades de Noites Abertas ofrecerán un ano máis alternativas de ocio na fin de semana para a mocidade.
Nesta vixésimo cuarta edición, Noites Abertas recupera por completo a normalidade trala pandemia. As actividades desenvolveranse durante 8 fins de semana, os venres e os sábados, entre as 7 da tarde e as 12 e media da noite.
Serán unhas 70 actividades diferentes. Entre elas, hai varias que repiten, como a cestaría ou o baile tradicional. Pero tamén hai novidades, como unha proposta relacionada cos videoxogos, outra de pintado de miniaturas ou unha Ruta Lila pola Pontevedra Represaliada. Noites Abertas chega tamén a Santa Clara, convertendo o convento no escenario dun escape room.
As actividades están dirixidas aos pontevedreses de entre 12 e 30 anos. Son completamente gratuítas e na súa maioría sen inscrición previa.