PONTEVEDRA> O Multisport non só encherá Pontevedra do mellor tríatlon. O concello ten deseñada unha programación paralela chea de música e animación para facer a proposta aínda máis atractiva tanto para as 12.000 persoas que pasarán pola cidade entre o 20 e o 29 de xuño como para a veciñanza. Unha programación propia que se completa coa celebración do Orgullo e coa inauguración da Bienal de Arte.
Pontevedra volverá converter nunha festa máis aló do deporte a súa cita co Campionato do Mundo de Tríatlon 2025. A cidade ten preparada unha ampla programación cultural paralela con música e animación.
A cita comezará o venres 20 de xuño ás 6 e media da tarde coa cerimonia de apertura que correrá a cargo da compañía pontevedresa Pablo Méndez Performance. Ata o 29 actuarán tamén Javier Lago, La Mosca Valiente, Cora ou Green Hot Peppers. O broche final porano o día 29 Broken Peach e Liorta, a banda o triatleta Javi Gómez Noya.
Este Multisport 2025 coincide tamén con dúas citas na cidade. Unha delas, a celebración do Orgullo, con propostas como a actuación de Mondra o día 27, a Feira Marica ou o Festival de Cinema Ambienta. A outra, o arranque da Bienal Internacional de Arte, que contempla accións como unha proxección con música sobre a Peregrina polo artista francés Patrick Warrener.
A programación reúne 25 puntos de interese entre concertos de distintos formatos, arte e convocatorias relacionadas coa cultura LGTB. Todo para facer aínda máis atractiva esta cita internacional, que traerá ata a cidade a máis de 12.000 persoas.











