BARBANZA> A Deputación da Coruña destinará este ano unha partida de preto dos 500 mil euros ó apoio das confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras da provincia. Dese total uns 120 mil serán destinados a pósitos de Barbanza e Muros-Noia.
A maioría das partidas van destinadas á contratación de persoal, tanto para oficina, como tamén de apoio nas labores de vixilancia nas concesións, na súa loita contra o furtivismo. É o caso das confrarías de Rianxo, á que se lle conceden 18 mil euros; Aguiño e Noia, ámbalas dúas con 12 mil; Pobra do Caramiñal con 14 mil, e Porto do Son, tamén con preto de 14 mil euros. Outras das axudas teñen coma finalidade a modernización dos procesos de produción e comercialización dos pósitos. Neste apartado sitúanse as achegas realizadas ás confrarías de Muros, 18 mil, Cabo de Cruz, 14 mil, e Ribeira, tamén con 18 mil. Dende a institución provincial destacaron que esta liña de axudas, que xa foi publicada no Boletin Oficial da Provincia, vén a apoiar un sector estratéxico, de gran importancia social e económica en Galicia e por ende da provincia da Coruña, do que dependen en boa medida moitos postos de traballo.