O GROVE> Hoxe arrancou o xuízo contra o excontable da confraría de San Martiño do Grove. Está acusado de apropiarse de máis de medio millón de euros do pósito. A primeira sesión viu marcada polo recoñecemento dunha “actuación neglixente” por parte dunha das entidades implicadas, Caixabank. A entidade vai devolver 200.000 euros apropiados de xeito indebido á confraría meca.
A primeira sesión do xuízo contra o excontable da Confraría do Grove na Audiencia de Pontevedra centrouse na presentación de probas e na conformación do xurado. A pasada semana o xuízo tivera que suspenderse ó non poder configuralo pola ausencia dunha das persoas citadas.
A primeira sesión viu marcada por un acordo de conformidade ó que se chegou horas antes. Caixabank recoñeceu a existencia dunha actuación neglixente por non esixir as dúas firmas mancomunadas necesarias para realizar os movementos de cartos. Abonou xa 210.000 euros á confraría. A outra entidade, o Santander, á que reclaman algo máis de 34.000 euros, mantén que non existiu neglixencia algunha.
A Fiscalía, que pide para Fabricio Fernández 6 anos de cadea e 15 anos de inhabilitación, pon o foco na actuación das dúas entidades.
Unha teoría que comparte a confraría e tamén a aseguradora Allianz.
Outra das cuestións que centrou a sesión foi a ludopatía que padecía no momento dos feitos o acusado. Neste caso, Fiscalía e defensa coinciden.
Pola súa banda, o avogado da Confraría meca descarta a ludopatía. Di que Fabricio quedaba cos cartos para mante-lo seu nivel de vida.
Mañá vaise retomalo xuízo coa declaración do acusado que,lembremos, confesou os feitos nos xulgados de Cambados. Pola sala pasarán ó longo desta semana máis dunha vintena de testemuñas.