Avanza a mellora da seguridade na estrada de Cespón coas beirarrúas entre Quinteiro e Ferreiros

BOIRO> O alcalde de Boiro visitaba esta semana as obras de construción de beirarrúas na estrada de Quinteiro a Ferreiros, na parroquia de Cespón. A actuación, que inclúe tamén a execución dunha rede separativa de pluviais e fecais, finánciase con cargo ó Plan Único da Deputación.

Avanzan a bo ritmo as obras da segunda fase para dotar de beirarrúas á estrada provincial 1.106 en Cespón, entre Quinteiro e Ferreiros. O alcalde de Boiro achegouse ata a zona para supervisar o estado dos traballos que afectan a un treito dun quilómetro. Ademais da execución de beirarrúas dun metro oitenta de anchos procederase tamén á dotación dunha rede separativa de pluviais e fecais así como unha liña de abastecemento de auga e instalación de alumeado público.

As obras ascenden a preto de 250 mil euros financiados no marco do Plan único da Deputación. dan continuidade a unha primeira fase finacniada tamén pola administración provincial por importe de 340 mil euros. O obxectivo destas obras é mellorar a seguridade viaria nunha estrada moi transitada que comunica varios núcleos de poboación con numerosos residentes.

Unha vez rematen estas obras, a intención do concello é acometer unha terceira e última fase ata O Bodión.