Valga achega o Nadal coa inauguración do seu Belén

VALGA> Non estamos realmente preto do Nadal ata que en Valga se inaugura o seu Belén en movemento. Esta cita ineludible co espíritu desta época celebrouse onte, e veciños e visitantes xa poden gozar dos centos de pezas elaboradas pola asociación Amigos do Belén que combinan escenas tradicionais do Nacemento con momentos importantes do ano que estamos a piques de despedir.

O Belén máis famoso da nosa contorna xa está en marcha. Onte abriuse ao público a nova edición da particular versión que fan en Valga do tradicional Nacemento.

O centenar de pezas que o compoñen son artesanais, e resultado do traballo dos membros da asociación Amigos do Belén de Valga.

Dende o 80 aniversario do empresario Andrés Quintá e a colleita da oliva en Setecoros, ata a exhumación de Franco, o xuízo do procés catalán e a aperta coa que Pedro Sánchez e Pablo Iglesias pecharon o seu pacto. Todo ten cabida neste Belén, que conta con 24 anos de historia ás súas costas.

O Belén, que permanecerá aberto ata o 12 de xaneiro, foi o primeiro en ser declarado de Interese Turístico de Galicia en 2013, e conta co apoio da Xunta para tramitar a solicitude de Interese Turístico Nacional.