RIBADUMIA> 24 horas despois das enchentes que se rexistraron en Cabanelas, no concello de Ribadumia, a zona volveu xa a normalidade. No Club Náutico O Muíño chegaron a ter máis dun metro de auga dentro do seu local. Bótanlle a culpa destas inundacións á presa da Laxe, en Caldas, que segundo denuncian abriron sen ningún tipo de control. Din ademais que os mecanismos para evitar riscos non funcionan porque, aseguran, do mesmo xeito que aconteceu en Valencia, ninguén avisou das enchentes aos posibles afectados.
No Club Náutico O Muíño xa están acostumados a sufrir enchentes nas súas instalacións. Están situadas preto do Umia, en Cabanelas, nunha zona potencialmente inundable. O caso é que o acontecido nas últimas horas chéiralles mal porque, din, nada disto tería acontecido se río arriba non abrisen as comportas desta presa de forma incontrolada.
Dende o encoro aseguran que están laminando auga de forma controlada para deixar espazo. Algo que rexeitan neste club porque, aseguran, teñen fontes próximas que confirman ese desaugue incontrolado. Ademais, entenden que é evidente que foi así, á vista de que tan só 24 horas despois, o Umia xa vai polo seu leito habitual, malia que seguise a chover.
Piden responsabilidades pola xestión da presa ao tempo que lamentan a falta de información á hora de facerlle fronte a esta situación.
E aseguran que os avisos, do mesmo xeito que aconteceu coa traxedia da DINA de Valencia e salvando as distancias entre a magnitude daqueles feitos e isto, chegaron cando xa era demasiado tarde.











