VALGA> Valga despediu onte o seu Agosto Gastronómico 2026. E fíxoo coa anguía como protagonista absoluta. O chef Álex Iglesias converteuna en protagonista absoluta de pratos salgados e doces, nun showcooking bautizado como ‘Universo Anguía’. A actividade volveu esgotar todas as prazas dispoñibles.
Tosta de pan de Cea con anguía e guacamole de aguacate e mandarina, anguía afumada sobre crema de pataca de Galicia, arroz meloso con anguía e grelos e, como colofón, Tarta de Santiago con mazá e anguía caramelizadas. Este menú leva o selo do cociñeiro Álex Iglesias, que onte o preparou durante o showcooking ‘Universo Anguía’.
O obxectivo era demostrar a versatilidade deste peixe. Meta cumprida, mesmo cunha sobremesa coa anguía como protagonista.
O showcooking de onte foi a última actividade do Agosto Gastronómico organizado polo concello de Valga. Repetiu o éxito das propostas anteriores, colgando o cartel de completo.
Pero a anguía continuará reclamando o seu trono gastronómico dende Valga. O sábado o parque Dios Mosquera acollerá a trixésimo sexta edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
Unha oportunidade para pásalo ben e para seguir coñecendo as posibilidades culinarias destes dous grandes produtos.










