O traslado do mercadiño de Boiro farase efectivo o próximo martes

BOIRO> O mercado ambulante de Boiro regresará á avenida da Constitución o próximo martes día dezasete. O executivo xa está a ultimar o cambio da sinalización para a instalación dos preto de noventa postos que conformarán a feira semanal.

Finalmente o executivo boirense cumpriu cos prazos previstos e o mercado ambulante volverá á Avenida da Constitución o próximo martes. Nos últimos días, mantivéronse xuntanzas cos vendedores para delimitar o espazo que ocupará cada posto na nova localización co fin de axilizar a montaxe.

Na última xuntanza cos propietarios dos postos acordouse tamén celebrar o mercado os días 24 e 31 de decembro co fin de aproveitar a gran afluencia de xente nestas datas festivas.

Un total de oitenta e seis postos instalaranse entre o cruce da rúa Norberto Pizjuán e a rotonda de Abanqueiro. Está previsto que o número poida aumentar nun futuro posto que aínda están en fase de regularización aqueles que estaban pendentes de pago e solicitaron aprazamentos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí