Un cento de veciños, evacuados das súas vivendas polo incendio nun salón de peiteado

PONTEVEDRA> Susto a pasada noite en Pontevedra. Un incendio nun salón de peiteado obrigou ao desaloxo dun edificio de seis plantas na Avenida de Lugo. Preto dun centenar de persoas tiveron que deixar as súas vivendas por precaución, mentres os efectivos de Bombeiros realizaban as tarefas de extinción. Ao redor da unha da madrugada puideron regresar aos seus domicilios.

Foi un veciño do edificio número 4 da avenida de Lugo, en Pontevedra, quen ao redor das 11 da noite deu a voz de alarma ao atopar a súa cociña chea de fume.

Un incendio declarárase no salón de peiteado situado nun dos baixos do inmoble. Efectivos do parque de bombeiros da cidade trasladáronse ata o punto para comezar coas tarefas de extinción. Ao mesmo tempo, como medida de precaución, decidiron evacuar a todos os residentes do edificio.

Preto dun centenar de persoas deixaron as súas vivendas, moitas delas afectadas polo fume. Dende o concello ofrecéuselles incluso pasar a noite nun hotel. Finalmente non foi preciso e dúas horas e media despois os veciños puideron volver ás súas casas.

Agora están a investigarse as causas do lume, que afectou a documentos e a mobiliario do salón de peiteado. Non houbo que lamentar danos persoais.

O fume afectou tamén a outro edificio da zona e a un garaxe, pero non foi preciso tomar ningunha medida a maiores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí