MARÍN> Tamén fixo balance deste 2025 a alcaldesa de Marín. María Ramallo asegura que este foi un ano frutífero na xestión municipal. Do lado dos obxectivos cumpridos, destacou obras como as da avenida de Ourense, de Concepción Arenal ou da rúa da Ponte que, asegurou, avanzaron na transformación urbana da vila. De cara ao futuro, Ramallo destacou a súa preocupación pola falta de vivenda e apuntou á necesidade de intervir nas barriadas. Sobre a gran obra desenvolvida no concello, o auditorio, agarda que estea rematado a principios do 2026.
Para María Ramallo, o 2025 foi un bo ano no concello de Marín.
A alcaldesa falou das grandes obras executadas nas principais vías do municipio: a avenida de Ourense, Concepción Areal e rúa da Ponte. Todas foron cofinanciadas con outras administracións.
Ramallo explicou tamén outras actuacións que o concello pretende executar con cargo a novos fondos europeos. Desta volta centraranse nas barriadas de Marín.
A problemática da vivenda tamén está sobre a mesa en Marín. A alcaldesa confirmou que a Xunta xa licitou o plan para desenvolver 400 vivendas na zona de Ezquiel Massoni e San Pedro. Ademais, a intención do goberno local é potenciar tamén a vivenda privada.
En canto á maior obra desenvolvida polo seu goberno, o auditorio, María Ramallo asegurou que a obra civil se entrega este venres. Os traballos céntranse agora no equipamento do edificio e a intención é que entre en funcionamento a comezos do 2026.
Os avances no plan de pavimentación das parroquias, actuacións de mantemento do Lago Castiñeiras coa colaboración da Fundación Xoán XXIII, o estado das obras no río Lameira ou o compromiso de renovar a grada do Estadio Municipal de San Pedro, son outras das actuacións destacadas pola alcaldesa.










