Lores, ‘decepcionado e traizoado’ trala decisión da Xunta de frear a variante de Alba

PONTEVEDRA> Confirmáronse os temores do Concello de Pontevedra. A Xunta paraliza a construción da variante de Alba por, segundo aseguran, falta de consenso social. O goberno local non ten constancia oficial do anuncio, pero a decisión non sentou ben. O alcalde asegurou hoxe sentirse traizoado polo presidente da Xunta.

Tal e como temían no concello de Pontevedra, o posicionamento público do líder do Partido Popular local contra a variante de Alba non presaxiaba nada bo para o proxecto. A Xunta decidiu frear a súa construción por, aseguran, falta de consenso social.

A decisión da Xunta sorprendeu no goberno local, máis aínda despois da boa sintonía que, segundo o rexedor, acadou co presidente autonómico nas súas últimas reunións. Agora lamenta que non se lles comunicara de xeito oficial a decisión de frear a variante.

Para Fernández Lores, trátase dunha decisión política. O trazado que estaba en marcha para a variante foi elaborado pola propia Xunta, como o único viable tras analizar xunto con Fomento unha decena de propostas. Nun principio non gustou ao concello, que finalmente asumiuno como un mal menor.

Mentres non teñen notificación oficial da Xunta de Galicia, agardan unha rectificación do presidente que permita seguir adiante cunha infraestrutura que se retrasa xa 14 anos.

A Xunta quere un trazado que non rexeiten os veciños

En nome da Xunta de Galicia falou hoxe o seu vicepresidente. Alfonso Rueda reiterou o compromiso do goberno autonómico de investir en Pontevedra, iso si, nas obras necesarias e que xeren un consenso social. Así as cousas, o popular asegurou que non renuncian ao investimento na capital de provincia, pero piden ao concello que encabece a busca de consenso para atopar un trazado que non se rexeite. Rueda fixo estas declaracións no Encontro Empresarial Social sobre a Responsabilidade Social Empresarial, xornada organizada de xeito conxunto polo Rotary Club de Pontevedra e o Foro Empresa Pontevedra. Nesta primeira edición, o obxectivo foi servir de nexo de unión entre empresas e asociacións locais con proxectos de eido social, medioambiental, cultural e deportivo orientados ao fomento do emprego e a igualdade e integración de colectivos en risco de exclusión social.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí