PONTEVEDRA> Malestar entre as familias do CEIP Praza de Barcelos de Pontevedra. A indignación da comunidade educativa xorde tras a decisión da Xunta de pechar unha das clases de Educación Infantil. Un feito que obriga a concentrar a 23 alumnos nunha única aula en plena pandemia.
Coa crise da Covid en pleno auxe, a Xunta de Galicia tomou a decisión de pechar unha das aulas de 4º de Educación Infantil deste centro. Un feito que obriga a concentrar a 23 rapaces nunha única aula, aumentando así os riscos de contaxio.
Un dos principais problemas que están a ter os centros educativos nesta volta ás clases é a falta de espazo para garantir as distancias de seguridade entre os máis pequenos. Neste colexio acontece todo o contrario. Aínda que hai espazo dabondo, a Xunta obriga a concentrar a 23 nenos nunha aula tendo ao lado outra clase baleira.
Na concentración celebrada esta mañá participaron tamén varios representantes do BNG. O deputado Manuel Lourenzo cualificou como “irresponsable” a actitude adoptada pola Xunta neste eido.
Co obxectivo de que a Xunta de Galicia rectifique e reabra a aula de Educación Infantil, o BNG trasladará esta demanda das familias ao Parlamento.