Moraña acolle a entrega de premios das catas de mel e queixos de Galicia

MORAÑA> Moraña converteuse hoxe na capital galega do queixo e do mel galego. A localidade acolleu o acto de entrega de premios da cata dos queixos e meles do país. O Conselleiro do Medio Rural aproveitou para salientar que o prestixio da gastronomía galega baséase na calidade das materias primas.

Sós ou acompañados, o mel e os queixos galegos son boa mostra da calidade dos produtos galegos. O Pazo da Toxeiriña de Moraña foi o escenario elixido para a súa posta de longo, coa entrega dos premios da XXII cata dos queixos e da XVIII cata dos meles.

No acto, o conselleiro do Medio Rural salientou que a gastronomía é unha das fontes de prestixio máis relevantes para o país. Indicou que, por riba de todo, os produtos galegos deben competir en calidade e non en cantidade.

O Conselleiro reafirmou a aposta do goberno galego por potenciar e promociona-la produción agraria e gandeira a través do selo Galicia Calidade, un indicador recoñecido xa a nivel español e mesmo internacional.

José González avanzou tamén que a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria vai entrar no Parlamento Galego en breve. Entende o conselleiro que está chamada a converterse nunha peza clave para a dinamización do sector.

Nesta edición das catas rexistráronse un total de 36 industrias queixeiras pertencentes ás catro denomiacións de orixe galegas: Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro. No caso do mel, inscribíronse 20.

Os técnicos da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, en colaboración cos consellos reguladores, recolleron un total de 93 mostras.

Ao acto da entrega de premios, ademais do Conselleiro, acudiron representantes e persoal técnico do seu departamento, o delegado da Xunta en Pontevedra e a alcaldesa de Moraña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí