VALGA > Valga contará cunha nova base de unidades operativas da loita contra o lume. Trátase dun servizo que busca favorecer a conciliación entre traballo e descanso do persoal que traballa na prevención e extinción dos incendios. Os traballos para a súa construción vanse iniciar no segundo semestre do ano, cun orzamento de preto de medio millón de euros.
A futura Base de Unidades Operativas de Valga asentarase nestes terreos cedidos polo concello á Consellería do Medio Rural. A parcela ten unha superficie de 3.000 metros cadrados e nela asentarase esta edificación que sirva para favorecer a conciliación entre traballo e descanso do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. Un servizo do que se van beneficiar os concellos da contorna do Salnés e tamén da zona do Sar.
Esta nova infraestrutura conta cun orzamento de preto de medio millón de euros. O resultado será un edificio de dous andares con diferentes espazos e prestacións para todo o persoal da loita contra o lume.
O alcalde de Valga celebra que este concello sexa a referencia da zona na loita contra o lume grazas ao asentamento aquí desta nova base.
As obras para esta nova infraestrutura comezarán no segundo semestre deste ano e rematarán ao longo do 2026.










