Catoira decreta tres días de loito oficial pola morte do edil Touriño

CATOIRA> Catoira está de loito. O concello decretou esta mañá tres días de dolo oficial polo falecemento do seu primeiro tenente de alcalde. Eduardo Touriño falecía onte, tras ser atropelado por un camión cando repartía o pan. A tristura e a emoción mesturáronse no pleno co que a corporación quixo renderlle homenaxe.

Con bágoas, emoción e palabras de agarimo para o seu compañeiro falecido, a corporación do concello de Catoira homenaxeou esta mañá nun pleno extraordinario a Eduardo Touriño.

A corporación decretou tres días de loito oficial en sinal de dolo polo suceso que onte pola mañá sacudía o concello. Eduardo Touriño falecía na estrada provincial que une Pontecesures con Vialgarcía, atropelado por un camión cando repartía o pan. O alcalde Alberto García recordou a figura do que fora o seu primeiro tenente de alcalde e edil de obras.

Touriño foi soterrado esta tarde no cemiterio parroquial de Abalo. Durante os tres días de loito, as bandeiras do concello de Catoira seguirán ondando a media asta.