A campaña marisqueira de Noia, camiño dun novo récord de facturación

NOIA> A campaña marisqueira de Noia vai camiño de bater un novo record. Ata o momento levan facturados preto de vinte millóns de euros. E aínda queda por diante mes e medio de traballo polo que a confraría agarda acadar os vinte e un millóns.

Os mariscadores de Noia colgaron temporalmente os apeiros de traballo. Tras unha proveitosa campaña de Nadal, o cabildo decidiu pechar as autorizacións o pasado tres de xaneiro para dar descanso ós areais nunha semanas nas que a demanda de marisco cae considerablemente. As boas cotizacións do Nadal incrementaron aínda máis a facturación anual que vai camiño de bater un récord.

Aínda queda por sumar os case dous meses de traballo que quedan por diante, cando os mariscadores volvan ó traballo o día dez de febreiro.

É cedo aínda para facer previsións sobre a futura campaña aínda que é certo que se observa menos cría que en anos anteriores. Sen embargo, dependerá de moitos factores como as condicións climatolóxicas, a presenza de toxina e o resultado dos traballos de arado e sementeira que desenvolve a confraría en tódalas súas autorizacións.