Roubo en Barrantes: despista á camareira e leva os cartos da rexistradora

RIBADUMIA> Atendan ó métedo empregado por un ladrón para roubar nunha cafetería de Barrantes, en Ribadumia. O caco díxolle á camareira que se inundara o baño e aproveitou ese intre para leva-los cartos da caixa rexistradora. E todo isto, a plena luz do día e co local cheo de clientes.

O peculiar roubo colleu por sorpresa á camareira desta cafetería de Barrantes. O ladrón accedeu ó local con total normalidade. Dirixiuse á persoa que estaba á fronte do local para queixarse polo estado no que se atopaba o baño, asegurando que estaba completamente inundado.

A traballadora accedeu ós servizos, situados ó fondo do local, para comproba-lo seu estado. Foi nese intre cando o caco aproveitou para meterse detrás da barra e colle-los cartos que había na caixa rexistradora.

Seica o fixo con moita discreción. De feito, o roubo tivo lugar a plena luz do día e co local ateigado de clientes. Isto non foi impedimento para que o ladrón cumprise o seu obxectivo e saído da cafetería co botín. En poucos segundos cumpriu co seu obxectivo e marchou ás carreiras do establecemento.

A camareira, que xa regresaba dos baños, pouco máis puido facer que mirar, perplexa, como o caco liscaba e marchaba nun coche.

O dono do local xa denunciou os feitos no cuartel da Garda Civil de Cambados, aportando datos do vehículo e tamén do que acontecera grazas ás testemuñas que presenciaron os feitos.

Segundo a Benemérita, a descrición do vehículo e o modus operandi do ladrón fan pensar que se trata dun vello coñecido no Salnés polas forzas da orde.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí