A Ruta do Viño Rías Baixas pecha 2019 incrementando o número de visitantes

O SALNÉS> 2019 foi un bo ano para a Ruta do Viño Rías Baixas. Aínda sen datos definitivos, a asociación conta con supera-los 115.000 visitantes acadados no 2018.  De cara a este novo ano, a Ruta traballa xa en novas propostas enoturísticas, sen deixar de lado aquelas iniciativas xa consolidadas. O 2020 tamén traerá a plataforma única de comercialización das cinco rutas do viño que hai en Galicia.

2019  confírmase como un bo ano para a Ruta do Viño Rías Baixas. O balance dos últimos doce meses deixa máis actividades e un número de visitantes crecente. A falta de pecha-los datos definitivos, agárdase supera-los 115.000 contabilizados no 2018.

Cada vez máis público e cada vez máis variado. Na Ruta destacan os diferentes perfís que se interesan polas actividades enoturísticas de Rías Baixas.

Agora, co arranque do ano novo, a Ruta do Viño Rías Baixas traballa xa en novas accións para os vindeiros meses. Faino mantendo as propostas xa consolidadas como a ruta BTT ou o concurso de cata amateur.

O 2020 comeza tamén coa vista posta no lanzamento dunha plataforma única que aglutine as cinco rutas do viño que hai en Galicia. Esta ferramenta quere converterse nunha referencia global para a compra-venda de experiencias enoturísticas a través da internet.

Calcúlase que esta plataforma, impulsada pola Xunta, estará plenamente operativa antes de que remate o ano.