Os peóns gañan espazo na reforma da estrada entre Noalla e A Lanzada

SANXENXO> Sanxenxo estrea a reforma da estrada que une Noalla coa praia da Lanzada. A intervención supuxo a creación dunha senda peonil en máis dun quilómetro de vía, con tres zonas de convivencia peonil. As persoas gañan espazo nunha intervención que tivo un investimento de case 800.000 euros.

Aínda que pasada por auga, esta é a nova imaxe da estrada que une Nantes coa Lanzada, no concello de Sanxenxo. A vía vén de ser transformada, coa creación de sendas peonís en máis dun quilómetro de lonxitude e tres áreas de convivencia.

A actuación foi posible grazas a un acordo entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo. O orzamento rolda os 800.000 euros, financiados integramente polo organismo provincial, xa que o 30% correspondente ao concello foi un dos investimentos que a vila incluíu no marco do Plan Concellos de 2021.

Coa reforma deste treito de vía, os peóns gañan espazo fronte aos vehículos, nunha zona con moitas vivendas. O seguinte obxectivo do concello é levar a cabo unha intervención semellante ao carón desta obra, en concreto, dende a igrexa ata o antigo cuartel da Garda Civil. O alcalde non perdeu a ocasión de trasladarlle esa demanda a Carmela Silva. Unha petición que non caeu en saco roto.

Nesta zona tamén está pendente a nova fase do pazo de Quintáns, centrada na posta a punto dos xardíns. Unha actuación orzamentada en 850.000 euros, procedentes de fondos Next Generation. A previsión do concello é executalo ao longo do período 2023-2024, unha vez conte co visto bo de Patrimonio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí