VILAGARCÍA> Representantes da comunidade educativa de toda a nosa contorna fan un chamamento a participar este sábado na manifestación contra os recortes en educación. Convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, denuncian numerosas eivas en tódolos niveis, dende infantil ata secundaria. Din que estamos ante un dos inicios de curso con máis deficiencias dos últimos anos e que mostra diso é a gran cantidade de protestas que se están a celebrar en distintos centro de toda Galicia, tamén na nosa contorna.
A mobilización convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público vaise celebrar este sábado en Santiago. A CIG, sindicato maioritario na educación, fixo hoxe un chamamento a toda a comunidade educativa a participar na mobilización.
Porque, destacan dende a CIG, estamos ante o inicio de curso máis axitado dos últimos anos, cunha chea de mobilizacións individuais en centros educativos do territorio. Son o resultado, din, de sucesivos recortes no ensino público.
E lembran casos concretos acontecidos na nosa contorna.
Os principais problemas, destacan, son os recortes de profesorado de pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe, encargados de atender o alumnado máis vulnerable. Tamén salientan multitude de aulas que atendendo ás ratios tiñan que estar desdobradas e que non se está a cumprir.











