Cambados reforma a cuberta da praza de abastos mentres continúa cos trámites para a nova instalación

CAMBADOS>  O concello de Cambados reforma a cuberta da praza de abastos da vila. O investimento é de 18 mil euros e estase levando a cabo en tres fases. Dende o goberno local piden axilidade a portos de Galicia para aprobar a DEUP e non por en risco o proxecto da nova praza de abastos.

A vella praza de Abastos de Cambados continúa dando problemas aos vendedores, clientes e ao propio concello. Ante as pingueiras e as diferentes deficiencias da cuberta, o goberno local optou por reformala. Aínda que o concello ten en marcha o proxecto da nova praza de abastos, agardan que estas melloras duren o tempo de vida útil desta vella instalación.

O investimento é de 18 mil euros e levarase a cabo ao longo de tres fases.

Con esta reforma, o concello non prevé facer ningún investimento na praza, salvo que algún imprevisto os obrigue. O goberno local continúa co proxecto para a construción da nova praza de abasto. O trámite polo que agarda agora o bipartito é a aprobación da DEUP por parte de Portos de Galicia.

O concello leva máis de 5 meses agardando unha resposta de Portos. O retraso do ente portuario pode poñer en risco o proxecto, xa que o informe de patrimonio ten data de caducidade. Dende o bipartito advirten que se non teñen resposta, para o mes volverán a facer un novo requirimento para coñecer o estado no que se atopa a modificación da DEUP.