O Concello elaborará un estudo “completo e integral” sobre a viabilidade do transporte a demanda

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra quere implantar o transporte a demanda ao longo do mandato actual. Para conseguilo, o goberno encargará a elaboración dun software pioneiro. Ademais, contratará a unha empresa especializada a elaboración dun estudo completo e integral no que se analice a demanda existente e as posibilidades de explotación.

O Concello de Pontevedra continúa traballando de cara á implantación do transporte a demanda. O goberno municipal mantivo esta mañá unha reunión técnica para avanzar en dúas liñas fundamentais. A primeira, a creación dun software pioneiro. A segunda, a elaboración dun estudo completo e integral sobre a demanda e a viabilidade deste servizo.

Neste estudo realizaranse 2.500 enquisas, tanto a domicilio como nos posibles punto de orixe e destino. O obxectivo é coñecer os percorridos máis demandados e concretar así as posibilidades de explotación do servizo.

O goberno municipal anunciou que este estudo sairá a contratación nas vindeiras semanas e contará cun prazo de 10 meses. Polo tanto, o obxectivo do Concello é que estea finalizado a principios do 2021, cumprindo así cos prazos previstos para que o transporte a demanda sexa unha realidade ao longo deste mandato.