Ruíz busca o consenso dos grupos para asumir a xestión da EDAR

RIBEIRA> Os portavoces dos grupos municipais de Ribeira mantiveron unha xuntanza na busca dunha solución á situación xerada polo rexeitamento da EDAR de Couso. A Xunta de Galicia informou á administración local de que repercutirá os gastos de mantemento da instalación detraéndoos do Fondo de Cooperación Local.

O alcalde de Ribeira busca o consenso cos grupos que lle permita sacar adiante o acordo para asumir a xestión da EDAR de Couso. Así llo transmitiu Manuel Ruíz á oposición na xunta de voceiros celebrada este mediodía. Pretende así minimizar as consecuencias negativas de que a instalación pase a mans da Xunta despois de que a administración autonómica advertise da posibilidade de restar os gastos de mantemento do Fondo de Cooperación Local.

Na comunicación remitida pola Xunta, Augas de Galicia mantén o seu compromiso de poñer as instalacións a disposición do concello para a súa xestión o próximo 31 de xaneiro. Sen embargo, será preciso un acordo previo da corporación para que todo o sistema de depuración pase a depender da administración local. Algo que non semella doado.

Precisamente o próximo día 22, as empresas responsables da elaboración das auditorías presentarán os resultados das auditorías nunha xuntanza cos grupos municipais e veciños afectados. Tamén se dará conta sobre o estudo previsto polo concello sobre os custos que suporía a xestión local ou a autonómica e as variables que inflúen no canon de saneamento.

A intención do executivo é convocar un pleno o día 30 de xaneiro no que deberán acordar se o concello asume a xestión integral do sistema de depuración ou unicamente a dos colectores e a EDAR de Corrubedo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí