Pontecesures, un concello sen peche perimetral pero con mobilidade mínima

PONTECESURES> Pontecesures mellora a súa situación pero, na práctica, continúa pechado. Pasa de nivel máximo a alto, o que lle permite ter mobilidade con concellos que estean na súa situación. O máis próximo é o ourensán de Boborás. Si que mellora un chisco a situación para a hostalaría, que a partir do venres poderá monta-las terrazas ó 50%. O alcalde recoñece que a situación para a localidade é moi dura.

Pontecesures vivirá a partir do venres un alivio das súas restricións. A localidade pasa do nivel máximo ó alto, ó rexistrar unha incidencia acumulada de entre 250 e 500 casos por cada 100.000 habitantes. O cambio de nivel tradúcese na fin do peche perimetral, na teoría, porque na práctica, os cesureños só terán mobilidade cos concellos que estean nese mesmo nivel: ningún na provincia de Pontevedra. Poderán ir, por exemplo, ó ourensán de Boborás e ós coruñeses de Sobrado, Arteixo ou Neda.  Para o alcalde, un avance agridoce.

No exterior quedarán permitidas as reunións de ata 6, que continúan prohibidas en domicilios. A hostelería, pola súa banda, recupera as terrazas ó 50% do seu aforo.  O rexedor recoñece que o impacto está a ser moi grande para comerciantes e hostaleiros.

Sobre as críticas de comerciantes e hostaleiros, aquí en Canal Rías Baixas, pola falta de apoio do Concello, o popular recoñece que é unha situación insostible pero lembra que o goberno local non pode facer máis.

Con 9 positivos, o alcalde confía en que nas vindeiras reunións do comité clínico se revise a situación de Pontecesures, dada a estabilidade dos casos activos que se rexistran no municipio.