VALGA> Ao concello de Valga, os Reis Magos chegaron esta tarde. A cativada agardaba impaciente o momento para poder conversar e sacar fotos con Melchor, Gaspar e Baltasar. Para facer a espera máis amena, o concello organizou durante toda a tarde obradoiros e inchables nos exteriores do Belén Artesanal.
Tarde de emoción e ilusión no concello de Valga. Antes de meterse de cheo no reparto nos agasallos durante a noite, os Reis Magos fixeron parada nos exteriores do Belén Artesanal.
Dende primeira hora da tarde, a cativada puido gozar de inchables e obradoiros para facer máis amena a agarda. Unha espera que estivo endozada polo chocolate con churros gratis que repartiu o concello.
Melchor, Gaspar e Baltasar chegaron ao redor das 6 da tarde. Foron recibidos polo alcalde, José María Bello Maneiro, e exerceron de testemuñas na entrega dos premios do vixésimo segundo Concurso de Beléns.
Finalmente, chegou o momento máis agardado. As Súas Maxestades puideron saudar a toda a cativada e cumprir os seus desexos. Os Reis tamén repartiron entre os nenos uns pequenos agasallos.











