BARBANZA> A Consellería do Mar abriu novas zonas para a extracción de mexilla chegando xa ós 22 quilómetros adicionais de costa autorizados para recoller semente de mexillón. O diálogo entre as principais organizacións de bateeiros e as confrarías permitiu chegar a este acordo.
A apertura destas novas zonas no ámbito territorial das confrarías pontevedresas da Guarda e O Grove vense sumar á autorización da extracción en varias zonas do litoral coruñés sumando un total de 22 quilómetros adicionais para que os bateeiros poidan facer fronte á escaseza de cría. Estas medidas son froito do diálogo da Consellería do Mar coas principais organizacións de produtores de mexillón e coas confrarías, tomando como base as propostas máis viables remitidas por estas entidades.
A Xunta segue así a a traballar na busca de acordos entre os dous sectores produtivos para evitar o conflito xurdido en torno ás zonas de extracción nun ano moi complicado ante a escaseza de mexilla, pero tamén de percebe. Neses termos expresouse tamén a deputada nacionalista, Rosana Pérez, quen insta á Xunta a intermediar para que bateeiros e mariscadores acheguen posturas.