O comedor de San Francisco contará cun modelo de subvención “máis áxil e directo”

PONTEVEDRA> O goberno municipal modificará o modelo de subvención do comedor de San Francisco. O convenio non mudará en canto a cantidade pero si nas formas. O obxectivo do Concello é conseguir un sistema moito máis áxil e directo e resolver así as demandas diarias deste servizo.

O comedor de San Francisco recibe acotío a uns 140 comensais nas súas tres quendas diarias.  Unha cifra que foi en aumento durante os últimos anos. Por iso é fundamental mellorar o modelo de subvención do Concello e conseguir un sistema moito máis directo. O cal resolva as demandas deste servizo con maior axilidade.

Deste xeito, será o pai Gonzalo Diéguez o que informe das necesidades do comedor ao propio Concello. Así executarase mellor o servizo e non se desaproveitarán as achegas económicas.

Co obxectivo de mudar o modelo de subvención, a edil Paloma Castro mantivo unha reunión co pai Gonzalo para coñecer de primeira man as súas  demandas.

O que non mudará será a cantidade da subvención. Os orzamentos municipais seguirán reservando unha partida de 12.000 euros para cubrir este servizo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí