PONTEVEDRA> Pontevedra vai elaborar un novo catálogo de edificacións e elementos singulares a conservar. O novo documento trae como novidade que se vai incluír o patrimonio industrial e a a arquitectura contemporánea. O actual catálogo data do ano 94 e recolle pouco máis de 150 elementos. O obxectivo do concello é que esta cifra medre de xeito exponencial.
Ter e saber conservar é un dos grandes retos ós que se enfronta o patrimonio galego. Na cidade de Pontevedra, o concello vai elaborar un novo catálogo de edificacións e elementos a conservar.
O catálogo actual data do ano 94, de aí a necesidade dunha revisión. Outra das razóns que leva ó goberno local á súa revisión é a necesidade de ampliar horizontes. O novo documento incluirá o patrimonio industrial e a arquitectura contemporánea. Unha revisión que afecta tamén ó rural, onde tamén hai novidades.
O actual catálogo conta con 71 fichas de elementos singulares na cidade e 88 no rural. Datos que, segundo avanza o concelleiro de urbanismo, medrarán agora de xeito exponencial. O contrato para a elaboración deste documento superará os 38.000 euros. O punto de partida para a súa redacción será o traballo feito no 2004 para o PXOM que finalmente quedou paralizado e que xa incluía un catálogo de bens culturais.