AMICOS estrea aula tecnolóxica equipada cunha impresora 3D

BOIRO> AMICOS dispón dunha nova aula dixital equipada cunha pantalla táctil e unha impresora 3D. A posta en marcha deste proxecto tecnolóxico é posible grazas á colaboración de Cenor que vén de outorgar á entidade un dos seus Premios Solidarios.

Utilizar a tecnoloxía para facer a vida máis doada ás persoas con necesidades especiais. Este é o obxectivo da nova aula tecnolóxica de AMICOS, un proxecto integrador que busca facer máis accesible o uso das ferramentas dixitais ás persoas con diversidade funcional.

O proxecto é posible grazas ós Premios Solidarios da empresa de electrodomésticos Cenor quen distinguiu a AMICOS entre as máis de cen candidatas que se presentaron á convocatoria de 2019.

Coa dotación económica do galardón, de catro mil catrocentos euros, adquiriron unha pantalla táctil, unha impresora 3D, un portátil e dúas tabletas. Con este equipamento son quen de fabricar obxectos tan útiles para a vida cotiá como unha culler angulable e accesorios para axudar a abrochar botóns  ou abrir botellas a aquelas persoas con problemas de mobilidade.

Ademais da fabricación dos obxectos, o proxecto desenvolvido por AMICOS dende a aula tecnolóxica favorece a formación dos usuarios no manexo dos recursos dixitais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí