Rouban dúas cabuxas da Comunidade de Montes de Taragoña

BARBANZA> A comunidade de montes da Fieitosa, na parroquia rianxeira de Taragoña, denunciou na Garda Civil o roubo de dúas crías de cabuxa. Os animais forman parte dun ambicioso proxecto medioambiental que está a desenvolver a entidade dende hai varios meses que persegue a multifuncionalidade do monte.

Indignados e desilusionados. Así se senten os membros da comunidade de montes da Fieitosa, e do colectivo Fousas ao Monte, na parroquia rianxeira de Taragoña, despois do roubo de dúas crías de cabuxa. Os feitos xa foron postos en coñecemento da Garda Civil que investiga a autoría dos feitos.

Os animais están destinados á limpeza de diversas zonas de monte que ten a comunidade. Por iso alertan de que non están tratados para o consumo humano.

Pero non só iso, os animais forman parte dun ambicioso proxecto no que levan traballando dende hai tempo, no que hai impicada moita xente da parroquia, dende maiores a cativos, que busca entre outros aspectos a diversificación dos usos do monte e o seu coidado.

Coa denuncia pretenden facer unha chamada de atención. Non é o simple feito do roubo en sí, senón, o que iso simboliza.