RIBEIRA> O incremento dos casos de gripe dende o pasado dez de xaneiro sitúanos ante un novo pico da enfermidade. Os profesionais sanitarios aconsellan vacinarse para previr a doenza.
Aproximadamente o cincuenta por cento dos pacientes que dende o dez de xaneiro acoden ós centros de atención primaria fano por consultas relacionadas coa gripe. No caso das urxencias hospitalarias a cifra aumenta ata o setenta por cento o que sitúa a Galicia fronte o primeiro pico de gripe do ano.
Aínda que previr o contaxio da gripe non é doado, os expertos insisten na eficacia das campañas de vacinación, especialmente para a poboación de risco.
Na maioría dos casos, o tratamento da gripe é sintomático polo que basta con gardar reposo ata que remita a febre e o malestar. Non así, no caso de enfermos crónicos nos que a gripe pode complicarse e desencadear patoloxías máis graves.
No caso de estar integrados nalgún destes grupos de risco e non estar vacinados están aínda a tempo de facelo posto que a Xunta prolongou a campaña ata finais de xaneiro.