Vía libre á venda do matadoiro municipal de Xarás

RIBEIRA> A corporación municipal ribeirense dá inicio ó expediente para sacar a subhasta pública o actual edificio do matadoiro municipal no polígono de Xarás. Este foi un dos puntos máis importantes da sesión na que se aprobou tamén a revisión de prezos á empresa Viaqua que xestiona o servizo de auga e saneamento.

O pleno celebrado onte pola noite pola corporación municipal ribeirense arrancaba cun minuto de silencio na lembranza da última vítima da violencia de xénero, asasinada polo seu home no concello lugués da Pastoriza. Un dos puntos máis importantes da sesión foi o expediente de enaxenación do matadoiro. Un trámite que saíu adiante cos votos a favor do Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego e Partido Socialista. Os tres grupos coincidiron ó sinalar que a medida permitirá poder sacar este edificio a subhasta, o que suporá un importante ingreso para as arcas municipais, que permitirá poder acometer con maior fluidez outros proxectos como poden ser a biblioteca municipal ou a demandada sede do Club de Remo.

Pola contra, dous grupos votaron en contra deste punto. Suma Ribeira e PBBI volveron a mostrar a súa disconformidade con este trámite. 

Entre outros puntos na sesión aprobouse tamén a revisión de prezos á empresa Viaqua que xestiona o servizo de auga e saneamento. O punto saíu adiante cos votos a favor de partido Popular e PBBI, en contra o BNG e as abstencións de Partido Socialista e Suma Ribeira.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí