PONTEVEDRA> A Oficina de Coordinación de Transplantes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés conseguiu xestionar no ano 2019 a doazón de 21 órganos e 1 tecido. Este foi un dos datos presentados esta mañá polo doutor José Luís Martínez Melgar. Unhas cifras que situaron ao Complexo Hospitalario Universitario da cidade no sexto lugar en extracción de órganos de Galicia.
2 pulmóns, 5 fígados, 8 riles, 6 córneas e 1 tecido óseo. Esas foron as doazóns xestionadas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra no ano 2019. Unhas cifras que situaron ao centro hospitalario da cidade no 6º lugar en extracción de órganos dos 12 que acometen esta tarefa en Galicia.
Durante o 2019 detectáronse 5 doantes reais, 3 mulleres e 2 varóns. Por idades, o 40% eran menores de 65 anos, outro 40% rexistraba idades comprendidas entre os 65 e os 75 anos e, un 20%, superaba os 75.
En comparación cos datos rexistrados no ano anterior, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra conseguiu aumentar en 2019 o número de doantes potenciais, pasando de 7 a 12. Sen embargo, o número de doantes reais mantívose estable.
Os datos son aínda máis sorprendentes se se comparan cos de principios do 2000. Naquel ano rexistráronse 3 doantes reais. Unhas cifras que chegaron incluso a duplicarse dende a posta en marcha da Oficina de Coordinación de Transplantes de Pontevedra e O Salnés.