Unha quincena de alumnos con necesidades especiais examínanse da ABAU no centro da ONCE en Pontevedra

PONTEVEDRA> A ABAU deste ano contou con case 13.000 alumnos matriculados nos exames. Deles, 455 necesitaron algún tipo de adaptación para realizas as probas, un 36,6% máis que no ano pasado. Pero os casos que precisan recursos máis específicos realizan estes exames de acceso á universidade no Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra. Este ano son 15 os rapaces e rapazas que se examinan neste centro contando co apoio que precisan.

Neste Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra 15 alumnos comezaron hoxe os seus exames da ABAU.

Son unha parte dos 455 que en toda Galicia necesitan algún tipo de adaptación para realizar estas probas. Un dato que se incrementou case un 37% respecto do ano pasado.
Sara é unha destas alumnas que precisa apoio especial para realizar o seu exame. Vén de Mos e agarda acadar a nota suficiente que lle permita cumprir o seu soño: ser profesora de Historia.

Ela examínase ditándolle os contidos a un profesor. Outros, como Adrián, só precisan dun espazo máis tranquilo para afrontar as probas. E Roi, pola súa banda, atopa neste centro os recursos axeitados para que a súa discapacidade visual non sexa unha desvantaxe.

Mateo e Diego son dous alumnos que precisan do ordenador para facer os exames pero por causas ben diferentes. O primeiro padece dispraxia, un trastorno psicomotriz que lle dificulta realizar determinados movementos, como a escritura. No caso de Diego, tivo que recorrer a última hora a este centro, despois de lesionarse unha man xogando ao fútbol.

A pesares das posibilidades que se ofrecen a través deste centro da ONCE, hai familias que botan en falta probas máis adaptadas para os seus fillos e fillas. É o caso de Margarida,nai dun rapaz con síndrome de Asperger.

Os alumnos que se examinan neste centro son os que teñen necesidades máis específicas. A maioría dos 455 que solicitan algunha adaptación o que precisan é máis tempo ou unha corrección de dislexia. Eles fan as probas nas chamadas aulas NEAE, pensadas para atender as necesidades específicas de apoio educativo.