Unha placa preto do mar en Marín xa recorda os 21 falecidos do Villa de Pitanxo

MARÍN> O Paseo Alcalde Blanco, en Marín, foi hoxe o escenario dunha emotiva homenaxe aos mariñeiros falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo. Familiares e autoridades, con representación incluso dos gobernos de Canadá e Perú, recordaron a traxedia que hai pouco máis dun ano sacudía á xente do mar dende Terranova ata Galicia. Dende esta tarde unha placa recórdaos a todos e lanza unha mensaxe que é máis un desexo: que non se volvan repetir traxedias coma esta.

Son os nomes dos mariñeiros que deixaron a vida en Terranova tralo naufraxio do Villa de Pitanxo o 15 de febreiro de 2022. Pouco máis dun ano despois da traxedia en augas do Canadá, os 21 quedan inmortalizados nesta placa do Paseo Alcalde Blanco, en Marín.

A inauguración converteuse nun multitudinario homenaxe. Un acto de recordo no que tamén se lanzou unha mensaxe que é máis un desexo: que non se volvan repetir traxedias coma esta.

Esta de Marín é a primeira doutras placas que se inaugurarán nos concellos dos mariñeiros falecidos.

Hoxe as familias estiveron rodeadas de veciños e de autoridades. Tralo acto, ao pé do monolito depositáronse 21 rosas brancas, unha flor por cada mariñeiro falecido.

Unha loita que este ano dará os seus froitos para conseguir que se baixe ao barco afundido e se recompile toda a información posible sobre as circunstancias que rodearon a traxedia. E ao mesmo tempo, a loita de cada familia por superar o golpe que resumen na frase que encabeza a placa ‘Sempre con nós, aínda que sen vós’.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí