O PP esixe que se aclaren por escrito as modificacións da Lei de Costas

VILAGARCÍA> Representantes do Partido Popular de toda Pontevedra reuníronse hoxe en Vilagarcía para insistir na inseguridade xurídica que, aseguran, xera a posible modificación da Lei de Costas por parte do goberno socialista. Piden ao executivo que aclare por escrito os aspectos que preocupan ao sector do mar.

O Partido Popular reclama ao goberno estatal que aclare se haberá ou non modificacións na Lei de Costas e cales serán. Representantes e alcaldes da formación reuníronse en Vilagarcía para reclamar concreción para rematar cunha situación que, asegura, crea inseguridade xurídica nun sector fundamental para a provincia de Pontevedra.

Conserveiras, depuradoras ou cocedeiros son algunhas das empresas que miran con receo a postura do executivo de Pedro Sánchez respecto da norma. Segundo os populares, os cambios poderían afectar a todas as compañías do sector do mar que contan cunha autorización no dominio público marítimo terrestre.

O prazo das prórrogas das concesións é, segundo María Ramallo, unha das principais incertezas que crea a posible modificación do regulamento. Recorda que, a día de hoxe, ninguén confirma que non se vai facer unha modificación da lei.

Ramallo reclama ao Ministerio de Transición Ecolóxica que se pronuncie ao respecto para aclarar a situación.

Campaña de confusión

Dende o Partido Socialista, pola súa banda, non entenden a alarma xerada. Hoxe, a subdelegada do goberno en Pontevedra insistía en que aínda non se comezou ningún cambio na Lei de Costas. Polo tanto, continúan vixente tanto a norma de 2013 como o regulamento do 2014, ambas aprobadas pola maioría do Partido Popular. Recorda que o proceso que se iniciou para modificar o regulamento someteuse a exposición pública e foron precisamente as alegacións recibidas as que fixeron que o goberno se plantexe unha modificación na lei.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí